Nas tres últimas edicións dos Xogos Olímpicos, o piragüismo foi a disciplicina na que máis medallas acadou o deporte español. Un dos factores clave destes éxitos, alén do propio talento e capacidade de superación das e os piragüistas, é o traballo dos seus adestradores e adestradoras. Mellorar a súa formación, achegándolles as últimas innovacións científicas e novos métodos de adestramento, é precisamente o obxectivo do VIII Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas, que desde este venres reúne en Pontevedra preto de 250 técnicos e profesionais chegados de dezasete países. Organizado pola Real Federación Española de Piragüismo (RFEP), a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, o Concello e a Federación Galega de Piragüismo, trátase dun congreso de carácter bienal, que ten lugar por primeira vez en Pontevedra. Organizado coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, reúne no seu programa un total de 28 conferencias, mesas de debate e talleres, impartidos por “técnicos de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional”, como salienta o presidente do seu comité organizador, o profesor Manuel Isorna.
De carácter bienal, este congreso iniciou a súa andaina en Catoira en 2004, onde desenvolveu as súas sete edicións previas, antes de trasladarse neste 2022 ao Pazo da Cultura de Pontevedra. Conferenciantes de España, Portugal, Noruega, Hungría, Alemaña, Bélxica, Italia, Gran Bretaña e Eslovenia participan entre este venres e o domingo na oitava edición deste foro académico centrado na preparación de piragüistas para as modalidades de augas tranquilas, pero que á súa vez é tamén o II Congreso Internacional de Slalom, disciplina na que se centran oito relatorios, e o I Congreso Internacional de Kaiak Polo, modalidade que se incorpora por primeira vez con catro conferencias especificas. “Está a ser a edición con máis éxito, sen lugar a dúbidas”, sinalou Isorna tras a inauguración deste congreso, na que interviron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; o presidente da RFEP, Javier Hernanz; o decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García; o deputado provincial Gorka Gómez, e o secretario da Federación Galega de Piragüismo, Félix Lamas.