Da organización de diferentes xogos, a converter unha aula nun mercado, pasando por realizar a compra nunha gran superficie. A través de diferentes actividades de carácter lúdico, un proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) no que participan preto de 25 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte busca achegar unha serie de habilidades básicas de cálculo a mozos e mozas coa síndrome de Down e diversidade intelectual. Promovido pola profesora Marta Pérez xunto con Down Vigo, neste proxecto participan nove alumnos e alumnas do Curso Preuniversitario desta asociación, que ten como obxectivo promover a súa inclusión social e laboral.
Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa en ApS no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade, o proxecto MatIncl, Matemáticas Inclusivas desenvólvese por cuarto ano consecutivo no marco da materia Recursos para o ensino das matemáticas, do Grao en Educación Primaria. Nela, o alumnado debe “adquirir recursos para a ensinanza das matemáticas, polo que considerámola unha experiencia moi apropiada”, salienta Pérez, que destaca o “receptivo” que se mostra o alumnado cunha “experiencia práctica” que lles permite adquirir habilidades e competencias profesionais, á vez que pon o foco no papel que poden xogar no impulso dunha educación inclusiva. “En certo modo, están preparándose para o día de mañá, para cando teñan que pór en práctica nas aulas actividades para alumnos e alumnas con diversidade intelectual”, subliña esta docente.