Como combater os estereotipos de xénero desde a didáctica das artes

Achegar ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte unha serie de experiencias e recursos que desde as aulas permitan rachar cos estereotipos de xénero que, a día de hoxe, persisten no eido educativo é o obxectivo das xornadas Didáctica da expresión artística desde a perspectiva de xénero, que este venres se desenvolven na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Organizadas polas investigadoras do grupo Gies 10 Myriam Alvariñas e Rut Martínez, co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade, estas xornadas de formación en xénero buscan trasladar ao alumnado unha serie de “patróns de actuacións docente e estratexias didácticas activas e participativas” nos ámbitos da expresión plástica, musical, corporal e da dramatización, co propósito de achegarlles “unha visión global da didáctica das artes desde a perspectiva de xénero”, explican as súas organizadoras.

“A mirada que se presenta na escola sobre as mulleres e os homes e as súas relacións sociais en moitas ocasións é parcial e estereotipada, reproducindo a primacía do masculino sobre o feminino”, lembrou Martínez na apertura das xornadas, na que incidiu no valor das artes como un campo de coñecemento que permite “pensar criticamente sobre a construción das nosas identidades”. Articuladas en seis seminarios, impartidos por docentes das res universidades galegas e da Complutense de Madrid, estas xornadas buscan nese senso pór de relevo que “en calquera tipo de ensinanza é fundamental que os contidos se aborden desde unha perspectiva de xénero, para facilitar que na escola se poidan ter recursos para conseguir unha sociedade máis igualitaria”, engadiu Alvariñas.

Ler a noticia completa no DUVI