Recursos educativos abertos achegarán o mar das mulleres aos centros de ensino

Os océanos producen o 50% do osíxeno do planeta, conteñen o 90% da biosfera e xogan un papel fundamental para a estabilidade climática. Afondar na súa importancia e no papel das mulleres na súa conservación e no uso sustentable dos recursos mariños, así como dar visibilidade a oficios e profesións vinculados ao mar e desenvolvidos maioritariamente por mulleres, constitúen os obxectivos de O mar das mulleres, unha serie de infografías e recursos educativos abertos desenvolvidos por investigadoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ao abeiro dun proxecto auspiciado pola Deputación de Pontevedra. Coordinado pola profesora María Álvarez Lires, os contidos elaborados no marco deste proxecto foron presentados este venres no Pazo Provincial e forman parte do programa da V Xornada sobre o bo uso e o mal uso do mar, que o vindeiro xoves 11 acollerá esta facultade.

“O mar é un gran descoñecido”, salientou Álvarez Lires, quen incidiu en que “pese a que Galicia ten 1550 quilómetros de costa hai moi pouco escrito sobre as mulleres do mar” na presentación desta serie de paneis, que abordan as temáticas nas que se centran as propostas didácticas que se poñen á disposición dos centros educativos na web marenfeminino.campusdomar.gal. Como explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, trátase da terceira acción impulsada ao abeiro dun proxecto sobre “o papel das mulleres no mundo do mar”, que a Deputación desenvolve coa Universidade. A primeira acción, explicou, foi a creación da páxina web, trala que chegou a exposición Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, que continúa a día de hoxe o seu percorrido por concellos e centros educativos. Foi de feito a demanda nestes centros de material didáctico a que motivou o desenvolvemento dun proxecto que Silva e Álvarez Lires presentaron xunto á Isaura Abelairas, deputada delegada da Área de Igualdade; os investigadores Xabier Álvarez, responsable do traballo de busca e compilación do material, e María Lorenzo, encargada dos textos das infografías e dos recursos educativos; e a ilustradora Alba Rego.

Ler a noticia completa no DUVI