“Un filme en tres actos que son tamén tres conversas entrelazadas e interxeracionais entre distintas mulleres que contan as súas experiencias de amizade, de medo, de resistencia, no espazo público”. Deste xeito preséntase Tódalas mulleres que coñezo, un documental da realizadora Xiana do Teixeiro que se proxectará o vindeiro luns 14 na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, nunha actividade que ten como obxectivo promover unha reflexión respecto dos diferentes tipos de violencias ás que se enfrontan cada día as mulleres no espazo público. Promovida polas profesoras Amada Traba e Sara Torres e patrocinada pola facultade e pola Unidade de Igualdade da UVigo, trátase dunha actividade aberta ao público, programada para as 16.00 horas, e na que a proxección deste filme estreado en 2018 verase complementada cun coloquio coa súa creadora.
Premiado en festivais como Documenta Madrid, Primavera do Cine de Vigo, Alcances de Cádiz ou no Mufest, Tódalas mulleres que coñezo mostra unha conversa de cinco amigas sobre a súa vida cotiá e en como nesta está presente o medo a posibles agresións ou ameazas na rúa. Esta conversa dá pé a súa vez a unha segunda, na que colaboradoras do filme e a propia directora reflexionan sobre o sinalado na primeira, como logo fan tamén, nun terceiro coloquio, un grupo de vinte estudantes de secundaria. Deste xeito, esta reflexión colectiva permite pór o foco en “como construímos culturalmente esa violencia, como a damos por válida ou como nin sequera a identificamos”, como sinala Amada Traba. Nese senso, un dos propósitos desta actividade, sinala, é promover no alumnado “un espírito crítico respecto da desigualdade entre homes e mulleres, no que atinxe á violencia sexual” e, máis en concreto, unha reflexión sobre como “a cultura de violación se emprega para subordinar ás mulleres e amedrentalas respecto do emprego igualitario do espazo público en calquera hora do día”. Nese senso, aínda que se trata dunha actividade aberta a toda a cidadanía, Traba busca tamén que esta iniciativa complemente á formación sobre educación con perspectiva de xénero que imparte ao alumnado da facultade, no marco da materia Socioloxía da educación.