Xunto ao adestramento e o descanso, a nutrición constitúe un dos piares do rendemento dun deportista. Con esa idea como punto de partida, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte puxo en marcha un Curso de Nutrición Deportiva dirixido a ampliar a formación neste ámbito do alumnado do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. “Xorde dun compromiso que tiñamos adquirido coa Delegación de Estudantes, que reivindican desde hai anos que necesitan certa formación en nutrición”, explica o decano, Óscar García, dunha actividade que busca ampliar os coñecementos que os estudantes adquiren nun módulo da materia de Fisioloxía do exercicio. Faino da man de “catro especialistas en nutrición” que nas xornadas deste venres 4 e do venres 11, afondan en diferentes aspectos das bases fisiolóxicas da nutrición para deportistas e no funcionamento do metabolismo, na aplicación práctica de pautas nutricionais básicas ou no correcto uso das chamadas “axudas ergoxénicas”.
Coas súas 90 prazas cubertas, a primeira edición deste curso de 16 horas arrancou na mañá deste venres coa participación do catedrático da Endocrinoloxía da Universidade de Vigo Federico Mallo e do nutricionista Manuel Portela, que foron presentados pola presidenta da Delegación de Estudantes, Isabel Noya.