A asociación Asseii amosa ao alumnado como prever nas aulas enfermidades inflamatorias intestinais 

Educar para previr era o título da conferencia que este martes impartiron na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte integrantes da xunta directiva da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (Asseii), no marco dun proxecto de innovación educativa que busca achegar o alumnado unha serie de experiencias didácticas de carácter interdisciplinar vinculadas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Co obxectivo de dar a coñecer unha serie de enfermidades crónicas, de causa descoñecida, que afectan ao aparato dixestivo, como é o caso da enfermidade de Crohn ou da colite ulcerosa, e contribuír a súa prevención, desde a asociación deseñaron unha serie de recursos didácticos que nesta xornada presentaron nunha conferencia na que buscaban tamén dotar aos futuros e futuras docentes que se forman na facultade de ferramentas coas que detectar posibles casos en nenos e nenas.

“Levamos tempo traballando en concienciar, tanto o colectivo de pacientes como á sociedade en xeral, da importancia que ten coidarse e por iso, como non había nada feito, desenvolvemos un programa de educación e prevención sobre enfermidades inflamatorias intestinais”, explicou a presidenta de Asseii, Ángela Paz, que impartiu este relatorio xunto co vicepresidente da asociación, Víctor Loira, e a secretaria, Milagros Paz. Nunha actividade coordinada pola profesora María Lorenzo, a primeira que levan a con estes materiais, presentaron unha unidade didáctica que se completa cuns paneis informativos que inciden nos diferentes síntomas “invisibles” destas patoloxías ou en como as feces poden ser o síntoma dalgún problema non diagnosticado. Do mesmo xeito, tamén mostraron o chaleco no que representan un intestino, dirixido a poder amosar dunha forma visual que supón unha ostomía a pacientes aos que se lles vai realizar esta intervención, “coa idea que quitarlle medos e que poidan preguntar dúbidas, antes de que lles coloquen a bolsa”, apunta Paz.

Ler a noticia completa no DUVI