Facultade de Fisioterapia

Robótica educativa para levar as aulas os obxectivos da Axenda 2030

Un curso inicia ao alumnado no uso didáctico de programación e xoguetes interactivos.

 

Achegar o alumnado ao potencial didáctico das novas tecnoloxías, iniciándoos na creación de recursos educativos facendo uso da programación, da robótica e do encerado dixital, é o obxectivo central do curso que nestas semanas leva a 30 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a desenvolver unha serie de proxectos centrados nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. A contaminación dos océanos, a sobreexplotación dos recursos pesqueiros, a deforestación ou o uso de enerxías renovables constitúen nese senso os eixos temáticos dunha serie de maquetas nas que as e os participantes neste curso integran robots ou xoguetes interactivos.

 

poensinarciencias6

Inserido na programación de cursos de verán da Vicerreitoría do campus, Ensinar ciencias con programación e encerado dixital interactivo. Un achegamento ao pensamento computacional ten como obxectivo formar ao alumnado sobre “como integrar as TIC nas clases de ciencia de maneira transversal”, como explica María Lorenzo. Xunto á profesora María Álvarez Lires, Lorenzo é a responsable de impartir este taller dirixido polo profesor Uxío Pérez ao que asisten estudantes dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria e que busca pór de relevo que “a tecnoloxía é un aspecto transversal, que está presente nas nosas vidas e que tamén pode estalo no ámbito educativo”. Nese senso, o curso busca contribuír “á alfabetización científica” das alumnas e alumnos, á vez que a “promover o pensamento computacional, a ser persoas críticas e responsables ante o uso das novas tecnoloxías”. 

Con ese obxectivo, 28 alumnas e dous alumnos formánse en programación, no manexo de diferentes recursos de robótica educativa como Lego We-Do ou os robots Sphero SRPR e Mouse e no uso do software do encerado dixital para o deseño de actividades. “A idea é que vexan as tecnoloxías como un medio, como recursos e ferramentas que podo utilizar para aprender”, salienta Lorenzo, que explica nese senso que o curso busca contribuír a que o estudantado “sexa capaz de producir os seus propios contidos educativos”.

 

Máis información no DUVI

Ciencias da Educación e do Deporte gradúa 222 novos e novas profesionais

 

O pasado 6 de xuño, arroupados por docentes e familiares, que encheron o auditorio do Pazo da Cultura, os 222 novos titulados e tituladas que integran as sétimas promocións dos tres graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte celebraron na tarde deste xoves o fin dunha etapa formativa. Nun acto que completou a actuación do Coro do Campus de Pontevedra, os novos graduados e graduadas recibiron as verbas de recoñecemento do reitor, Manuel Reigosa; o alcalde en funcións de Pontevedra; Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor do campus, Jorge Soto; o decano da facultade, Vicente Romo; o presidente do Colef Galicia, Henrique Xoán Rodríguez; a inspectora de Educación da Xunta de Galicia Adoración de la Fuente e a directora do Departamento de  Didácticas Especiais da Universidade, Marián Fernández Villarino.

Concretamente, recolleron neste acto as súas bandas e diplomas 83 novos graduados e graduadas en Ciencias da Educación e do Deporte, que tiveron como padriño ao catedrático Carlos Lago; 81 novas tituladas e titulados en Educación Infantil, promoción que tivo como padriño ao profesor Roberto Barcala; e 58 graduadas e graduadas en Educacion Primaria, co integrande do persoal de administración e servizos Francisco Pena como padriño. 

 

pograd2

 

Máis info no DUVI

Curso "A análise do movemento para a prescrición de exercicio físico para a saúde e o rendemento"

“Todas as actividades motrices, realizadas dunha maneira e nunha magnitude concreta, poden ser beneficiosas, pero se as realizamos doutro xeito ou nos pasamos poden ser prexudiciais”, salienta o adestrador, preparador físico e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Luis Casáis, un dos docentes do curso A análise do movemento para a prescrición de exercicio físico para a saúde e o rendemento, que busca pór en valor a importancia da análise do movemento como “un elemento central e transversal” na prescrición de exercicio físico. Dirixido polo catedrático Carlos Lago e inserido na programación de cursos de verán da Vicerreitoría do campus, preto de 50 alumnos e alumnas participan nunha actividade que busca “dar ferramentas para que os estudantes aprendan a analizar mellor calquera movemento, calquera xesto, sexa como senta unha persoa na súa empresa ou o tipo de execución que fai un futbolista”, explicou Lago.

De 30 horas de duración, o curso contou este martes na súa apertura coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen subliñou a importancia dunha actividade que “vén a cubrir moitos espazos que ata momento non foran estudados nun curso de extensión” e que corre a cargo dun “elenco de profesionais de probada reputación no mundo do deporte, a actividade física e o benestar”. Docentes que, engadiu Lago, contribuirán a que o curso que se desenvolve ata este xoves conte tanto cunha “xustificación teórica” sobre a análise do movemento e os seus protocolos de aplicación como cunha “orientación moi práctica” que achega “propostas de como prescribir exercicio a partires desa análise”. Trátase así mesmo, sinalou Lago, quen agradeceu o apoio da Vicerreitoría, dunha actividade que reúne a estudantes, egresados e profesionais e que dá continuidade a unha serie de cursos de verán dirixidos por este docente “que segundo as memorias da Universidade foron os cursos de extensión que contaron con máis estudantes”. 

 

Máis información no DUVI

 

pomovemento4

 

Universidade e Federación Galega de Piragüismo estreitan vías de colaboración

Co propósito de abrir unha vía de colaboración en ámbitos como a investigación ou a organización de actividades, a Universidade de Vigo e a Federación Galega de Piragüismo (Fegapi) asinaron un convenio marco de colaboración que este venres foi presentado na sede da Vicerreitoría do campus.

Co propósito de abrir unha vía de colaboración en ámbitos como a investigación ou a organización de actividades, a Universidade de Vigo e a Federación Galega de Piragüismo (Fegapi) asinaron un convenio marco de colaboración que este venres foi presentado na sede da Vicerreitoría do campus. “Para nós este é un convenio moi importante”, salientou o vicerreitor, Jorge Soto, quen incidiu na vontade da institución académica de promover colaboracións coa federación en eidos como a investigación ou o fomento “da saúde e das boas prácticas deportivas”, que constitúen, lembrou, un dos eixos do proxecto Green Campus. “Para o avance do noso deporte, para avanzar na preparación cos deportistas, é fundamental contar con convenios coas universidades”, engadiu o presidente da Fegapi, Alfredo Bea, nun acto que contou tamén coa participación dos profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Iván Martínez e Pablo Tenreiro.

O desenvolvemento de proxectos de investigación, a organización de actividades académicas, o apoio a investigadores e estudantes ou o desenvolvemento de actividades de promoción da práctica do piragüismo entre a comunidade universitaria son algúns dos puntos nos que ambas institucións se comprometen a colaborar neste convenio marco, cunha duración de catro anos. Nese senso, Bea puxo de relevo o interese da federación por “xerar sinerxías” e impulsar “traballos conxuntos entre os universitarios e os nosos técnicos e deportistas” que permitan, por exemplo, “conseguir datos de porque somos un referente neste deporte e tamén melloras que nos permitan seguir avanzando”. Bea lembrou así mesmo que a Fegapi conta cun Centro de Tecnificación próximo ao campus, “no que temos hoxe a algúns dos mellores padexeiros do estado”, polo que esta colaboración podería facer de Vigo, engadiu, “unha universidade de referencia” para aqueles e aquelas deportistas que realicen estudos universitarios.

“Estamos na mesma liña e en todas aquelas cuestións que teñan que ver co piragüismo galego estaremos ao voso lado”, salientou Soto, quen explicou a Bea o proxecto da Vicerreitoría de instalar no campus dous embarcadoiros e un pañol para gardar embarcacións, co propósito de “promocionar o piragüismo na xente nova e por extensión na cidade de Pontevedra”.

 

Fonte: DUVI

 

pogal3

A Vicerreitoría do campus acolleu a presentación do programa ‘Juega Limpio’

Pola súa gran capacidade de implantación, aceptación e seguimento entre a mocidade, o deporte constitúe “unha ferramenta educativa de primeira orde”, salienta o ex-director da Agencia Estatal Antidopaje e presidente do Consejo Académico e Científico Asesor da Universidad Isabel I, Javier Martín del Burgo, coordinador do programa Juega limpio. El valor educativo y social del deporte, que este venres presentaba na Vicerreitoría. Un libro de apoio que se distribúe de xeito gratuíto, recursos audiovisuais e outra serie de propostas para docentes e adestradores integran o programa que Martín del Burgo desenvolveu coa editorial Anaya e que busca pór o foco na necesidade de “aproveitar o valor educativo e o potencial do deporte” para difundir “valores de superación, traballo en equipo, responsabilidade e respecto ás normas e ao adversario”, como salientou o seu coordinador na que foi a primeira presentación desta iniciativa en Galicia.

Promovida pola Vicerreitoría e o Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo, esta presentación contou coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, o director editorial de Anaya Educación, Jorge Pimienta, e a directora do Centro de Estudos Olímpicos e membro da Real Academia Olímpica Española, María José Martínez Patiño. “Estamos a presentar unha obra moi importante para entender dunha forma transversal o que son os valores educativos dentro do deporte”, salientou Soto, quen incidiu en que “os valores axúdannos a entendernos e a entender o mundo que nos rodea”, á vez que puxo de relevo a importancia que ten o deporte na cidade e no campus de Pontevedra. Como “un proxecto necesario, que lle dá ao deporte o espazo lexítimo que ten na sociedade”, definiu este proxecto Lete Lasa, quen subliñou o papel do deporte como “unha fábrica de valores individuais e colectivos”, desde o “saber gañar e o saber perder”, ata o “respecto ás normas e ao adversario, o traballo en equipo e o xogo limpo”. 

Con propósito de promover esas ideas precisamente, Juega limpio elaborouse coa  finalidade de “ser unha ferramenta que poñemos á disposición do profesorado e dos técnicos deportivos para axudar á formación integral da nosa mocidade”, explicoiu Pimienta, nun acto que, como explicou Martínez Patiño, constitúe unha das “moitas actividades que imos ter a oportunidade de desenvolver” da man do Centro de Estudos Olímpicos, co que Martín del Burgo “comprometeuse a ternos como centro de referencia”, sinalou esta investigador do grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte GIES-10, que coordina a catedrática Margarita Pino. 

 

pojuega111

 

Máis información no DUVI

 

Un obradoiro válese da ciencia para combater o consumo de cannabis e tabaco

Derrubando falsos mitos sobre unha droga que consumen dous millóns de persoas en España

 

Valerse da evidencia científica para rebater “falos mitos” como que “é mellor fumar un porro que un cigarro”, que o consumo de cannabis “non produce dependencia”, nin ten efectos cerebrais negativos constituía o obxectivo central do obradoiro Prevención de cannabis e tabaco baseada na evidencia científica, que na tarde deste mércores se desenvolve na sede da Vicerreitoría do campus. Inserido nas actividades do Campus Crea, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e técnico en prevención de drogodependencias Manuel Isorna foi o encargado de impartir un seminario de buscaba “sensibilizar e empoderar aos e ás asistentes” respecto dos efectos de dúas drogas que constitúen “un problema de saúde pública de primeira orde”. Segundo os datos do Plan Nacional sobre Drogas, 9,6 millóns de persoas de todas as idades consumen tabaco diariamente en España, mentres que 2,1 millóns son consumidores de cannabis, dos que 600.000 realizan un consumo diario, lembrou Isorna, quen puxo énfase en que “en España temos un dos índices de consumo máis altos de toda Europa” destas substancias.

O director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, foi o encargado de presentar un taller que Isorna abriu poñendo sobre e mesa datos como que o 75% dos consumidores de cannabis, droga que o 31% da poboación tomou nalgunha vez na súa vida, teñen entre 15 e 34 anos e que o 75% son varóns. Do mesmo xeito, os responsables deste taller expuxeron aos e ás asistentes os efectos que ten para a saúde o consumo destas substancias, lembrando por unha banda que un cigarro ten 4000 substancias químicas, 250 delas nocivas para a saúde e 50 canceríxenas, ou poñendo o foco sobre os efectos do cannabis no cerebro e no feito de que os niveis de THC desta droga hoxe en día "son cinco veces maiores" que os da que se producía ata a década de 1990. Deste xeito, explicou Isorna, responsable de impartir este taller xunto a Guillermo Santos, da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, buscábase incidir en que “non existe un consumo recreativo de cannabis, senón que sempre hai un risco”, como, por exemplo, que a probabilidade “de sufrir psicoses ao longo da vida é cinco veces máis elevado entre os consumidores de marihuana”. 

 

 

Máis info no DUVI

Máis info no DUVI (2)

 

podrogas

 

Xornadas "Didáctica da expresión artística desde a perspectiva de xénero"

Como combater os estereotipos de xénero desde a didáctica das artes

 

Achegar ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte unha serie de experiencias e recursos que desde as aulas permitan rachar cos estereotipos de xénero que, a día de hoxe, persisten no eido educativo é o obxectivo das xornadas Didáctica da expresión artística desde a perspectiva de xénero, que este venres se desenvolven na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Organizadas polas investigadoras do grupo Gies 10 Myriam Alvariñas e Rut Martínez, co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade, estas xornadas de formación en xénero buscan trasladar ao alumnado unha serie de “patróns de actuacións docente e estratexias didácticas activas e participativas” nos ámbitos da expresión plástica, musical, corporal e da dramatización, co propósito de achegarlles “unha visión global da didáctica das artes desde a perspectiva de xénero”, explican as súas organizadoras. 

“A mirada que se presenta na escola sobre as mulleres e os homes e as súas relacións sociais en moitas ocasións é parcial e estereotipada, reproducindo a primacía do masculino sobre o feminino”, lembrou Martínez na apertura das xornadas, na que incidiu no valor das artes como un campo de coñecemento que permite “pensar criticamente sobre a construción das nosas identidades”. Articuladas en seis seminarios, impartidos por docentes das res universidades galegas e da Complutense de Madrid, estas xornadas buscan nese senso pór de relevo que “en calquera tipo de ensinanza é fundamental que os contidos se aborden desde unha perspectiva de xénero, para facilitar que na escola se poidan ter recursos para conseguir unha sociedade máis igualitaria”, engadiu Alvariñas. 

 

poartexenero3

Das cancións infantís e o bordado ás mulleres nos museos

Al pasar la barca me dijo el barquero, las niñas bonitas no pagan dinero. Este foi un dos exemplos de como o cancioneiro popular infantil traslada a nenos e nenas unha serie de estereotipos que a profesora da USC Sara Domínguez analizou no primeiro taller das xornadas, centrado en abordar desde un "espírito crítico" cancións “que moitas veces se utilizan nas aulas e coas que os nenos seguen repetindo inconscientemente unha serie de estereotipos”, así como en presentar unha serie de estratexias para modificar estas letras e que “poidan lanzar outro tipo de mensaxes”. Por outra banda, no segundo taller, que levaba por título Non é só unha cuestión de mulleres cando de fiar se trata, Rut Martínez propuxo unha reflexión sobre “por que o bordado se considerou unha arte menor, xa que estaba relacionado co feminino” para a partires de aí levar a cabo unha “microacción artística” na que as e os participantes facían uso desta técnica para crear unha mensaxe coa que “cuestionar eses estereotipos”. 

As xornadas contaron tamén coa participación da profesora de Universidad Complutense de Madrid, Marián López, que abordou dous dos proxectos desenvolvidos polo seu grupo de investigación co propósito de impulsar, desde a educación artística, unha idea da arte como "elemento de desenvolvemento persoal e humano que te relaciona cos demais”. Ese é o propósito da serie de 21 guías que realizaron para educación primaria e nas que, a partir de diferentes temáticas e artistas, abordan “a arte como coñecemento, como expresión, como vínculo e como transformación”, explicou a investigadora tras presentar a investigación que serviu como punto de partida para este proxecto e na que analizaron preto de 2000 debuxos de nenos e nenas, relacionados cos conceptos de loita e de axuda. "Unha das conclusións era que practicamente desde a primeira socialización, a maioría dos nenos e nenas asocian á violencia aos homes”, salientou a investigadora, que presentou tamén neste coloquio o proxecto que, co apoio do Ministerio de Cultura, levou a este grupo a realizar "unha análise dos principais museos” para a partires de aí definir, para espazos como o Museo do Prado ou o Reina Sofía, os que “foron os primeiros itinerarios que se fixeron en Europa que valoraban a presenza das mulleres” neses espazos expositivos.

 

Ler o artigo completo no DUVI

V Xornada sobre o bo uso e o mal uso do mar

 A facultade acolle de novo os paneis da mostra 'Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar'

A mostra permanecerá na facultade ata finais de abril

 

pobouso5

 

 

Contribuír á mellora dos coñecementos necesarios para promover a protección e un uso sustentable do medio mariño, así como examinar e recoñecer o papel das mulleres na xestión sustentable dos océanos desde diferentes ámbitos son os dous obxectivos que confluían na V Xornada sobre o bo uso e mal uso do mar, promovida pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte xunto ao Campus do Mar, a Deputación de Pontevedra e o Consello da Cultura Galega. Eses mesmos propósitos reflíctense así mesmo na exposición Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar e nos paneis do proxecto O mar das mulleres, que desde esta xoves se expoñen nesta facultade e que foron obxecto dunha visita guiada no marco dunha xornada que completou a conferencia na que a investigadora do Instituto Español de Oceanografía Ana Morillas presentou o proxecto Oceánicas, dirixido á dar visibilidade ao traballo de diferentes investigadoras.

O obxectivo deste conxunto de iniciativas, lembrou a directora das xornadas, a profesora María Álvarez Lires, é contribuír “a que desapareza unha tripla invisibilidade”, a que afecta por unha banda aos océanos “que malia que Galicia ten 1550 quilómetros de costa, están ausentes” nos currículos educativos, sinalou; pero tamén a invisibilidade que afecta ao traballo que desenvolven ás mulleres e, en engadido, aquel en concreto que está vinculado ao mar. Xunto a Álvarez Lires, a inauguración desta xornada contou tamén coa intervención do vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen salientou o necesario de iniciativas como esta, que “poñen en valor algo que é fundamental, que é o papel das mulleres en relación co mundo do mar”, e da presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen lembrou que “o futuro do planeta está nas nosas mans” e subliñou que “a presenza das mulleres no mar sempre foi moi relevante, aínda que silenciada e ocultada”. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, incidiu pola súa banda na “condición atlántica de Galicia, que é a que nos fai únicos”, nun acto no que a coordinadora da Sección Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello, Elena Vázquez Cendón, subliñou a importancia de conseguir que un maior número de mulleres se matriculen en carreiras STEM e que contou así mesmo coa presenza do director do Campus do Mar, Daniel Rey, do decano da facultade, Vicente Romo, e da deputada provincial delegada de Igualdade Isaura Abelairas.

Dous proxectos, unha exposición

Tralo acto de apertura levouse a cabo unha visita guiada á mostra que ata finais de abril permitirá ver no centro tanto os 28 paneis que integran a exposición Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, como as seis infografías realizadas no marco do proxecto O mar das mulleres, dúas iniciativas desenvolvidas, baixo a dirección de Álvarez Lires, polo grupo de investigación da Área de Didáctica de Ciencias Experimentais, co apoio da Deputación. A primeira delas, que retorna ao centro no que foi presentada na anterior edición desta xornada despois de percorrer múltiples concellos e centros educativos, reúne unha escolma de 40 fotografías de diferentes épocas, que poñen rostro ás mulleres anónimas que traballaron e traballan en diferentes sectores vinculados co mar, á vez que pón en valor o traballo das oceanógrafas Ángeles Alvariño e Aida Fernández Ríos. No caso de O mar das mulleres, trátase da primeira vez que se expoñen unha serie de paneis, presentados a semana pasada na Deputación, que están á súa vez vinculados cunha serie de contidos didácticos abertos, recollidos na web Mar en feminino, e que abordan “o coñecemento dos océanos, ás ameazas que lles asexan e as achegas das mulleres do mar, tanto desde os oficios como desde a investigación”, explicou Lires.

Facendo visibles ás oceanógrafas de onte, hoxe e mañá

A xornada completouse cunha conferencia da directora do Centro Oceanográfico de Baleares Ana Morillas, coordinadora do proxecto Oceánicas: la mujer y la oceanografía, impulsado polo Instituto Español de Oceanografía e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), co propósito de divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos. Con este propósito, esta iniciativa pretende tanto pór en valor o legado de “oceánicas pioneiras”, como servir de plataforma para difundir o traballo das investigadoras que traballan actualmente neste eido, á vez que busca tamén xerar vocacións científicas nas novas xeracións.

 

Máis información no DUVI

 

A Universidade participa nun proxecto europeo que estuda como motivar as persoas maiores a facer deporte

Afondar nos factores supoñen unha motivación nas persoas maiores cara a práctica deportiva e de actividade física é o obxectivo central do proxecto europeo In Common Sports (Intergenerational Competition as Motivation for Sport and Healthy Lifestyle of Senior Citizens), cofinanciado polo programa comunitario Eramsus+ Sport e liderado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira. Institucións académicas e municipais de Portugal, España, Italia, Hungría e Bulgaria forman parte dun proxecto que, por unha banda, promoverá o desenvolvemento de programas de actividade física e competicións deportivas dirixidas á persoas maiores nestes cinco países, e, por outra, o estudo tanto da eficacia deses programas na mellora de calidade de vida das e os maiores como da incidencia que teñen factores como a competición como elementos de motivación para a práctica de actividade física. 

 

 

 

Xunto ao municipio de Vila Nova de Cerveira, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o municipio italiano de Cesena, a asociación Zoldpont húngara e o municipio búlgaro de Aksakovo, In Common Sports incorpórse como parceiro á Universidade de Vigo, que participará neste proxecto a través do grupo de investigación HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que, ademais de encargarse do control de calidade do proxecto, desenvolverá este estudo no Concello de Sanxenxo, onde celebrará en setembro unha das diferentes competicións deportivas para maiores que, de aquí a 2020, se irán levando a cabo nos países participantes. Así o explicaron os responsables desta iniciativa na presentación que este martes tivo lugar na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, na que participaron o vicerreitor Jorge Soto; o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, a técnica deste municipio e coordinadora do proxecto, Manuela Ferreira, e o investigador principal do grupo HealthyFit, José María Cancela.

Como un “proxecto estratéxico para Galicia e o norte de Portugal” cualificou Jorge Soto unha iniciativa que une “factores motivacionais, deporte e persoas maiores”, un colectivo que debe ser “para investigadores e institucións unha parte fundamental das nosas políticas”. Nese mesmo senso, Cancela puxo de relevo que, tanto en Galicia como en Portugal, o envellecemento da poboación debe traer consigo a busca “dunha mellora da calidade de vida” das e os maiores, como a que pode achegar o desenvolvemento de programas de exercicio físico. Nese senso, entre os obxectivos deste proxecto europeo figuran tamén contribuír ao desenvolvemento de políticas e estratexias de promoción da saúde, promover e compartir boas prácticas para fomentar o deporte entre os maiores e o deseño de programas de actividade física para este colectivo.

 

Ler o artigo completo no DUVI

Alumnado da facultade coordina unha campaña para dar visibilidade á muller no deporte

A través da venda de pulseiras, recadan fondos para Asociación Mujeres en el Deporte Profesional

Dar maior visibilidade ao papel das mulleres no ámbito deportivo é o obxectivo principal da campaña #SoyMujerSoyDeporte, que, nas semanas previas ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller, promove por segundo ano consecutivo a Asamblea Nacional de Estudiantes de Ciencias de la Actividad Física y del Deporte (Anecafyde). Unha campaña que neste 2019 coordina un grupo de estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e que suma a difusión de vídeos en redes sociais a comercialización dunha serie de pulseiras co propósito de recadar fondos destinados á Asociación Mujeres en el Deporte Profesional, un colectivo que ten como obxectivo perseguir as desigualdades existentes no eido deportivo, xa que, como salientan na súa web, das preto de 700.000 deportistas federadas que existen en España só 1361 son profesionais.  

 A través da venda de pulseiras, recadan fondos para Asociación Mujeres en el Deporte Profesional

 

“Pareceunos unha asociación cuns valores e unha filosofía que encadra moito co que nós buscamos tamén como asociación e quixemos realizar unha achega económica ao seu proxecto”, sinala Matías Zelarayán, estudante de Ciencias da Educación e do Deporte, e responsable de comunicación na directiva da Anecafyde, na que esta facultade tamén está representada polo tesoureiro Marcos García Pascual. Deste xeito, a campaña da Anecafyde que, por unha banda, dá continuidade á iniciativa impulsada en 2018 en redes sociais e, por outra, suma a esta a venda de pulseiras, está a ser coordinada desde este centro do campus pontevedrés. Coincidindo co seu arranque na presente semana, o director de comunicación de Anecafyde e os compañeiros e compañeiras na directiva da Delegación de Estudantes do centro David Álvarez, Isabel Soya e Xoel Souto, presentaron ao decano da facultade, Vicente Romo, unha iniciativa que nestes primeiros días logrou xa vender do 70% das 3000 pulseiras co lema #SoyMujerSoyDeporteencargadas inicialmente para o arranque desta campaña e que desde esta semana están a distribuír por toda España. “Temos dous enlaces diferentes, un para delegacións de estudantes doutras universidades e outro para persoas particulares, que tamén poden encargar as súas pulseiras”, que teñen un custo de 1,50 euros dos que 50 céntimos destínanse como donativo á Asociación Mujeres en el Deporte Profesional, explica Zelarayán dunha iniciativa que que prevén estender ata a semana do 8 de marzo. 

 

Ler o artigo completo no DUVI

Un novo mestrado busca potenciar a investigación e innovación en educación infantil e primaria

Contará con 20 prazas na Facultade de CC da Educación e do Deporte

Proporcionar ás tituladas e titulados nos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, así como a profesionais da docencia, a posibilidade dunha especialización en investigación e innovación en didácticas específicas constitúe un dos propósitos centrais do novo mestrado interuniversitario que no curso 2018/2019 comezará a impartirse nas tres universidades galegas. Cunha oferta diferente de materias optativas en cada un dos tres centros nos que se impartirá, o máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria contará con 20 prazas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que este martes acollía a presentación dun posgrao “que foi cualificado como estratéxico pola Xunta de Galicia”, como lembrou o decano, Vicente Romo.

DIDES
Ler máis...

A educación física contribúe a un mellor rendemento escolar

Destacou o catedrático Onofre Contreras no Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Saúde

A reivindicación dun maior peso da educación física nos currículos escolares foi este xoves un dos temas de debate do XIV Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Saúde, que ata este sábado reúne no Pazo da Cultura de Pontevedra a preto de 270 asistentes procedentes de oito países. 15 conferencias e talleres integran o programa dun evento promovido polo Concello, a Vicerreitoría do campus, o Departamento de Didácticas Específicas da Universidade da Coruña e Sportis Formación Deportiva, que na conferencia inaugural, a cargo do catedrático da Universidad de Castilla La Mancha, Onofre Contreras, puxo o foco na “relación directa” entre educación física e a “mellora do rendemento académico”.

A educación física contribúe a un mellor rendemento escolar
Ler máis...

Unhas xornadas achegan ao alumnado diferentes ferramentas para enfrontarse ao mercado laboral

Promovidas pola FCCED xunto á delegación de alumnado

Dunha serie de consellos para afrontar unha entrevista de traballo a un achegamento a como se prepara unha oposición, pasando pola xestión das emocións, a negociación ou a cohesión grupal, as xornadas formativas Habilidades persoais, que desde a mañá deste martes se desenvolven na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte buscan achegar ao alumnado que se atopa preto de rematar os seus estudos unha serie de ferramentas que, máis aló da formación académica, contribúan á súa inserción no mercado laboral. Organizadas pola facultade xunto coa Delegación de Alumnado e patrocinadas polo Consello Social, estas xornadas están integradas por 14 conferencias, talleres e mesas redondas centradas en “temáticas transversais a todos os nosos estudantes”, como salientou a vicedecana Esther Martínez no acto de apertura.

xornadas de orientación laboral
Ler máis...

A Semana Galega de Filosofía achégase ao campus

CC da Educación e do Deporte acollerá un relatorio da catedrática de Historia Contemporánea Josefina Cuesta

Filosofía e o común é o título da XXXV edición da Semana Galega de Filosofía, que a Aula Castelao promoverá en Pontevedra entre o 2 e 6 de abril, co colaboración da Universidade de Vigo. 15 conferencias centradas nos aspectos da comunidade, do público e da construción do común integran o programa dun evento que achegará a Pontevedra a expertos e expertas como a profesora da Universidade Hofstra de Nova York Silvia Federici, o político, sindicalista e alcalde do municipio sevillano de Marinaleda, Juan Manuel Sánchez Gordillo, o filósofo César Rendueles ou a catedrática emérita da Universidad de Salamanca Josefina Cuesta, quen ademais de no Teatro Principal, sede destas xornadas, impartirá unha conferencia na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

abonos
Ler máis...

Diferentes opcións para iniciar o ano en movemento

A Área de Benestar, Saúde e Deporte mantén aberta a inscrición nos abonos para o segundo cuadrimestre

A chegada dun novo ano e dun novo cuadrimestre constitúen tamén unha boa oportunidade para poñer en movemento á comunidade universitaria e, con ese propósito, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade mantén aberta a inscrición nos abonos que permiten, no campus pontevedrés, facer uso da sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario e participar nas diferentes actividades dirixidas que promoven nestas instalacións. Co obxectivo de dar a coñecer os seus servizos, a área promove dúas semanas promocionais gratuítas, entre o vindeiro luns 22 e o 4 de febreiro, para toda a comunidade universitaria.

abonos
Ler máis...

Os obradoiros do campus renóvanse cun laboratorio creativo, ficción televisiva e arduino

Radio, escalada e locución audiovisual completan a oferta formativa para este cuadrimestre

Concibidos como un xeito de complementar e ampliar a formación do alumnado do campus, pero abertos ao conxunto da cidadanía, o programa de obradoiros da Vicerreitoría para o segundo cuadrimestre combina novas propostas coa reedición dalgúns dos talleres máis demandados en anteriores convocatorias. Desde este luns permanece aberta a inscrición en seis obradoiros entre os que figuran novas opcións que permitirán reflexionar sobre series e outros formatos de ficción televisiva e sobre técnicas de produción artística como o apropiacionismo, así como iniciarse na programación de placas de arduino. Esta oferta formativa de talleres de 30 horas, que se desenvolverán entre os meses de febreiro e maio, complétase cun novo taller sobre radio, desta volta centrado no control de son, e con novas edicións dos cursos de iniciación á escalada en rocódromo e locución audiovisual.

obradoiros
Ler máis...

A Semana da Creatividade e da Innovación comezou hoxe no Campus

A Semana da Creatividade e da Innovación comezaba hoxe no Campus de Pontevedra. Unha iniciativa que no marco do proxecto de especialización CREA S2i, traerá á cidade ao director e produtor Juanjo Giménez, candidato ao Oscar pola súa curta Timecode, ao gañador de dous Goya Alberto Vázquez ou ao director teatral e narrador oral Quico Cadaval. En torno á creatividade visual e verbal é o título do coloquio que este último manterá, mañá martes, coa decana de Belas Artes, Silvia García, co propósito de incidir “na creatividade como algo transversal”.As características da creatividade visual e narrativa e aspectos concretos da traxectoria de Cadaval, como a recentemente estreada primeira montaxe dunha obra de Valle-Inclán en galego, serán algúns dos puntos a abordar nun coloquio que, como explica a decana, busca tamén “visibilizar entre o alumnado a posibilidade que supón a formación de equipos creativos nos que traballen xente das artes plásticas e da escena teatral”.

Unha presentación, na Facultade de CCSS e da Comunicación, do programa Iniciativa Xove, da Xunta de Galicia, e o concerto co que David Regueiro Trío renderá homenaxe á Django Reinhardt, na Casa das Campás, completan o programa da segunda xornada dunha semana que, entre este luns e o vindeiro venres reúne preto dunha vintena de conferencias, talleres, presentacións ou seminarios nos diferentes centros do campus, complementadas á súa vez cun concurso de fotografía en Instagram, aberto a toda a cidadanía.

Semana da Creatividade e da Innovación

Inicio dos ensaios da Coral do Campus

Luns e martes das 18 ás 20 horas na Aula 3

A Coral de Campus inicia os seus ensaios para a preparación do repertorio vocal, para o curso 2016-2017. Realizaránse na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte os luns e martes de 18:00 a 20:00 na Aula 3.

Ler máis...