Facultade de Fisioterapia

Diferentes opcións para iniciar o ano en movemento

A Área de Benestar, Saúde e Deporte mantén aberta a inscrición nos abonos para o segundo cuadrimestre

A chegada dun novo ano e dun novo cuadrimestre constitúen tamén unha boa oportunidade para poñer en movemento á comunidade universitaria e, con ese propósito, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade mantén aberta a inscrición nos abonos que permiten, no campus pontevedrés, facer uso da sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario e participar nas diferentes actividades dirixidas que promoven nestas instalacións. Co obxectivo de dar a coñecer os seus servizos, a área promove dúas semanas promocionais gratuítas, entre o vindeiro luns 22 e o 4 de febreiro, para toda a comunidade universitaria.

abonos

Neste período, explica o responsable da Área de Benestar, Saúde e Deportes no campus, Gustavo Loureiro, aquelas persoas que non sexan usuarios ou usuarias dos servizos só terán que darse de alta previamente na plataforma Deporxest para facer uso da sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario, mentres que as actividades dirixidas precisan de inscrición previa nesta mesma plataforma, dado que contan con prazas limitadas. Trátase dunha serie de propostas que, por segundo ano consecutivo, amplían o abano de servizos postos á disposición dos usuarios e usuarias dos abonos Muver e Ponte en Forma. Concretamente e tamén previa inscrición gratuíta en Deporxest, os aboados e abonadas dispoñen cada semana de dúas sesións, os luns e os mércores de pilates e de ciclo indoor, unha actividade de bicicleta estática con coreografías, a primeira en horario de 19.00 a 20.00 horas e a segunda en horario de 20.00 a 21.00 horas. Xusto a continuación, desenvolveranse as sesións de cross training, unha serie de exercicios de resistencia, forza e flexibilidade, actividade que cambia de data e horario neste cuadrimestre, pasando a desenvolverse tamén luns e mércores, de 21.00 a 22.00 horas. Nestas mesmas xornadas, en horario de 15.00 a 16.00 horas, o ximnasio da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle as clases de ioga que completan esta oferta de actividades dirixidas.


Ler a noticia completa no DUVI