Facultade de Fisioterapia

A Semana Galega de Filosofía achégase ao campus

CC da Educación e do Deporte acollerá un relatorio da catedrática de Historia Contemporánea Josefina Cuesta

Filosofía e o común é o título da XXXV edición da Semana Galega de Filosofía, que a Aula Castelao promoverá en Pontevedra entre o 2 e 6 de abril, co colaboración da Universidade de Vigo. 15 conferencias centradas nos aspectos da comunidade, do público e da construción do común integran o programa dun evento que achegará a Pontevedra a expertos e expertas como a profesora da Universidade Hofstra de Nova York Silvia Federici, o político, sindicalista e alcalde do municipio sevillano de Marinaleda, Juan Manuel Sánchez Gordillo, o filósofo César Rendueles ou a catedrática emérita da Universidad de Salamanca Josefina Cuesta, quen ademais de no Teatro Principal, sede destas xornadas, impartirá unha conferencia na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

abonos

Así o anunciou este venres a presidenta da Aula Castelao, Ana Regueira, na presentación do programa destas xornadas, que realizou xunto a Diana Vilas e a tamén integrante da aula e profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña. A historiadora Irene Flunser e o economista Daniel Raventós forman parte tamén dos conferenciantes nun evento no que o investigador do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo Damián Copena ofrecerá o venres 6 unha conferencia titulada Acción colectiva, comúns e economía ecolóxica: iniciativas dende o mundo rural galego. Dous días antes, Cuesta Bustillo abrirá a terceira xornada da semana falando de Memoria, historia e relato. Catedrática de Historia Contemporánea, Cuesta é considerada unha das pioneiras nos estudos en España sobre a historia do tempo presente e na historia da memoria, motivo polo que a conferencia, aberta a todo o público itneresado, co que esta Semana da Filosofía se achega neste 2018 ao campus pontevedrés enmárcase tamén nas actividades da materia Historia do presente, que imparte Domingo Rodríguez Teijeiro.


Ler a noticia completa no DUVI