Facultade de Fisioterapia

Un novo mestrado busca potenciar a investigación e innovación en educación infantil e primaria

Contará con 20 prazas na Facultade de CC da Educación e do Deporte

Proporcionar ás tituladas e titulados nos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, así como a profesionais da docencia, a posibilidade dunha especialización en investigación e innovación en didácticas específicas constitúe un dos propósitos centrais do novo mestrado interuniversitario que no curso 2018/2019 comezará a impartirse nas tres universidades galegas. Cunha oferta diferente de materias optativas en cada un dos tres centros nos que se impartirá, o máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria contará con 20 prazas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que este martes acollía a presentación dun posgrao “que foi cualificado como estratéxico pola Xunta de Galicia”, como lembrou o decano, Vicente Romo.

DIDES

Así mesmo, este posgrao contribuirá tamén a facilitar “o acceso ao doutoramento e as posibilidades de mellora de emprego” das tituladas e titulados nestes eidos, como engadiu nesta presentación a coordinadora da titulación na Universidade de Vigo, María Álvarez Lires, quen recoñeceu tamén a implicación tanto da Xunta de Galicia como das tres universidades á hora de “chegar un consenso” que permitiu, engadiu, que esta facultade “conservase os másters que xa temos e engadísemos un máis”. Nese mesmo senso, Romo salientou a implicación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, “sen a que isto non tería sido posible”, así como dos reitores das tres universidades con esta titulación, que, segundo o calendario aprobado pola Universidade, abrirá a súa preinscrición o 22 de xuño.


Ler a noticia completa no DUVI