Facultade de Fisioterapia

A Universidade participa nun proxecto europeo que estuda como motivar as persoas maiores a facer deporte

Afondar nos factores supoñen unha motivación nas persoas maiores cara a práctica deportiva e de actividade física é o obxectivo central do proxecto europeo In Common Sports (Intergenerational Competition as Motivation for Sport and Healthy Lifestyle of Senior Citizens), cofinanciado polo programa comunitario Eramsus+ Sport e liderado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira. Institucións académicas e municipais de Portugal, España, Italia, Hungría e Bulgaria forman parte dun proxecto que, por unha banda, promoverá o desenvolvemento de programas de actividade física e competicións deportivas dirixidas á persoas maiores nestes cinco países, e, por outra, o estudo tanto da eficacia deses programas na mellora de calidade de vida das e os maiores como da incidencia que teñen factores como a competición como elementos de motivación para a práctica de actividade física. 

 

 

 

Xunto ao municipio de Vila Nova de Cerveira, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o municipio italiano de Cesena, a asociación Zoldpont húngara e o municipio búlgaro de Aksakovo, In Common Sports incorpórse como parceiro á Universidade de Vigo, que participará neste proxecto a través do grupo de investigación HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que, ademais de encargarse do control de calidade do proxecto, desenvolverá este estudo no Concello de Sanxenxo, onde celebrará en setembro unha das diferentes competicións deportivas para maiores que, de aquí a 2020, se irán levando a cabo nos países participantes. Así o explicaron os responsables desta iniciativa na presentación que este martes tivo lugar na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, na que participaron o vicerreitor Jorge Soto; o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, a técnica deste municipio e coordinadora do proxecto, Manuela Ferreira, e o investigador principal do grupo HealthyFit, José María Cancela.

Como un “proxecto estratéxico para Galicia e o norte de Portugal” cualificou Jorge Soto unha iniciativa que une “factores motivacionais, deporte e persoas maiores”, un colectivo que debe ser “para investigadores e institucións unha parte fundamental das nosas políticas”. Nese mesmo senso, Cancela puxo de relevo que, tanto en Galicia como en Portugal, o envellecemento da poboación debe traer consigo a busca “dunha mellora da calidade de vida” das e os maiores, como a que pode achegar o desenvolvemento de programas de exercicio físico. Nese senso, entre os obxectivos deste proxecto europeo figuran tamén contribuír ao desenvolvemento de políticas e estratexias de promoción da saúde, promover e compartir boas prácticas para fomentar o deporte entre os maiores e o deseño de programas de actividade física para este colectivo.

 

Ler o artigo completo no DUVI