Facultade de Fisioterapia

V Xornada sobre o bo uso e o mal uso do mar

 A facultade acolle de novo os paneis da mostra 'Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar'

A mostra permanecerá na facultade ata finais de abril

 

pobouso5

 

 

Contribuír á mellora dos coñecementos necesarios para promover a protección e un uso sustentable do medio mariño, así como examinar e recoñecer o papel das mulleres na xestión sustentable dos océanos desde diferentes ámbitos son os dous obxectivos que confluían na V Xornada sobre o bo uso e mal uso do mar, promovida pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte xunto ao Campus do Mar, a Deputación de Pontevedra e o Consello da Cultura Galega. Eses mesmos propósitos reflíctense así mesmo na exposición Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar e nos paneis do proxecto O mar das mulleres, que desde esta xoves se expoñen nesta facultade e que foron obxecto dunha visita guiada no marco dunha xornada que completou a conferencia na que a investigadora do Instituto Español de Oceanografía Ana Morillas presentou o proxecto Oceánicas, dirixido á dar visibilidade ao traballo de diferentes investigadoras.

O obxectivo deste conxunto de iniciativas, lembrou a directora das xornadas, a profesora María Álvarez Lires, é contribuír “a que desapareza unha tripla invisibilidade”, a que afecta por unha banda aos océanos “que malia que Galicia ten 1550 quilómetros de costa, están ausentes” nos currículos educativos, sinalou; pero tamén a invisibilidade que afecta ao traballo que desenvolven ás mulleres e, en engadido, aquel en concreto que está vinculado ao mar. Xunto a Álvarez Lires, a inauguración desta xornada contou tamén coa intervención do vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen salientou o necesario de iniciativas como esta, que “poñen en valor algo que é fundamental, que é o papel das mulleres en relación co mundo do mar”, e da presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen lembrou que “o futuro do planeta está nas nosas mans” e subliñou que “a presenza das mulleres no mar sempre foi moi relevante, aínda que silenciada e ocultada”. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, incidiu pola súa banda na “condición atlántica de Galicia, que é a que nos fai únicos”, nun acto no que a coordinadora da Sección Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello, Elena Vázquez Cendón, subliñou a importancia de conseguir que un maior número de mulleres se matriculen en carreiras STEM e que contou así mesmo coa presenza do director do Campus do Mar, Daniel Rey, do decano da facultade, Vicente Romo, e da deputada provincial delegada de Igualdade Isaura Abelairas.

Dous proxectos, unha exposición

Tralo acto de apertura levouse a cabo unha visita guiada á mostra que ata finais de abril permitirá ver no centro tanto os 28 paneis que integran a exposición Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, como as seis infografías realizadas no marco do proxecto O mar das mulleres, dúas iniciativas desenvolvidas, baixo a dirección de Álvarez Lires, polo grupo de investigación da Área de Didáctica de Ciencias Experimentais, co apoio da Deputación. A primeira delas, que retorna ao centro no que foi presentada na anterior edición desta xornada despois de percorrer múltiples concellos e centros educativos, reúne unha escolma de 40 fotografías de diferentes épocas, que poñen rostro ás mulleres anónimas que traballaron e traballan en diferentes sectores vinculados co mar, á vez que pón en valor o traballo das oceanógrafas Ángeles Alvariño e Aida Fernández Ríos. No caso de O mar das mulleres, trátase da primeira vez que se expoñen unha serie de paneis, presentados a semana pasada na Deputación, que están á súa vez vinculados cunha serie de contidos didácticos abertos, recollidos na web Mar en feminino, e que abordan “o coñecemento dos océanos, ás ameazas que lles asexan e as achegas das mulleres do mar, tanto desde os oficios como desde a investigación”, explicou Lires.

Facendo visibles ás oceanógrafas de onte, hoxe e mañá

A xornada completouse cunha conferencia da directora do Centro Oceanográfico de Baleares Ana Morillas, coordinadora do proxecto Oceánicas: la mujer y la oceanografía, impulsado polo Instituto Español de Oceanografía e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), co propósito de divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos. Con este propósito, esta iniciativa pretende tanto pór en valor o legado de “oceánicas pioneiras”, como servir de plataforma para difundir o traballo das investigadoras que traballan actualmente neste eido, á vez que busca tamén xerar vocacións científicas nas novas xeracións.

 

Máis información no DUVI