Facultade de Fisioterapia

Un obradoiro válese da ciencia para combater o consumo de cannabis e tabaco

Derrubando falsos mitos sobre unha droga que consumen dous millóns de persoas en España

 

Valerse da evidencia científica para rebater “falos mitos” como que “é mellor fumar un porro que un cigarro”, que o consumo de cannabis “non produce dependencia”, nin ten efectos cerebrais negativos constituía o obxectivo central do obradoiro Prevención de cannabis e tabaco baseada na evidencia científica, que na tarde deste mércores se desenvolve na sede da Vicerreitoría do campus. Inserido nas actividades do Campus Crea, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e técnico en prevención de drogodependencias Manuel Isorna foi o encargado de impartir un seminario de buscaba “sensibilizar e empoderar aos e ás asistentes” respecto dos efectos de dúas drogas que constitúen “un problema de saúde pública de primeira orde”. Segundo os datos do Plan Nacional sobre Drogas, 9,6 millóns de persoas de todas as idades consumen tabaco diariamente en España, mentres que 2,1 millóns son consumidores de cannabis, dos que 600.000 realizan un consumo diario, lembrou Isorna, quen puxo énfase en que “en España temos un dos índices de consumo máis altos de toda Europa” destas substancias.

O director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, foi o encargado de presentar un taller que Isorna abriu poñendo sobre e mesa datos como que o 75% dos consumidores de cannabis, droga que o 31% da poboación tomou nalgunha vez na súa vida, teñen entre 15 e 34 anos e que o 75% son varóns. Do mesmo xeito, os responsables deste taller expuxeron aos e ás asistentes os efectos que ten para a saúde o consumo destas substancias, lembrando por unha banda que un cigarro ten 4000 substancias químicas, 250 delas nocivas para a saúde e 50 canceríxenas, ou poñendo o foco sobre os efectos do cannabis no cerebro e no feito de que os niveis de THC desta droga hoxe en día "son cinco veces maiores" que os da que se producía ata a década de 1990. Deste xeito, explicou Isorna, responsable de impartir este taller xunto a Guillermo Santos, da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, buscábase incidir en que “non existe un consumo recreativo de cannabis, senón que sempre hai un risco”, como, por exemplo, que a probabilidade “de sufrir psicoses ao longo da vida é cinco veces máis elevado entre os consumidores de marihuana”. 

 

 

Máis info no DUVI

Máis info no DUVI (2)

 

podrogas