Facultade de Fisioterapia

A Vicerreitoría do campus acolleu a presentación do programa ‘Juega Limpio’

Pola súa gran capacidade de implantación, aceptación e seguimento entre a mocidade, o deporte constitúe “unha ferramenta educativa de primeira orde”, salienta o ex-director da Agencia Estatal Antidopaje e presidente do Consejo Académico e Científico Asesor da Universidad Isabel I, Javier Martín del Burgo, coordinador do programa Juega limpio. El valor educativo y social del deporte, que este venres presentaba na Vicerreitoría. Un libro de apoio que se distribúe de xeito gratuíto, recursos audiovisuais e outra serie de propostas para docentes e adestradores integran o programa que Martín del Burgo desenvolveu coa editorial Anaya e que busca pór o foco na necesidade de “aproveitar o valor educativo e o potencial do deporte” para difundir “valores de superación, traballo en equipo, responsabilidade e respecto ás normas e ao adversario”, como salientou o seu coordinador na que foi a primeira presentación desta iniciativa en Galicia.

Promovida pola Vicerreitoría e o Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo, esta presentación contou coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, o director editorial de Anaya Educación, Jorge Pimienta, e a directora do Centro de Estudos Olímpicos e membro da Real Academia Olímpica Española, María José Martínez Patiño. “Estamos a presentar unha obra moi importante para entender dunha forma transversal o que son os valores educativos dentro do deporte”, salientou Soto, quen incidiu en que “os valores axúdannos a entendernos e a entender o mundo que nos rodea”, á vez que puxo de relevo a importancia que ten o deporte na cidade e no campus de Pontevedra. Como “un proxecto necesario, que lle dá ao deporte o espazo lexítimo que ten na sociedade”, definiu este proxecto Lete Lasa, quen subliñou o papel do deporte como “unha fábrica de valores individuais e colectivos”, desde o “saber gañar e o saber perder”, ata o “respecto ás normas e ao adversario, o traballo en equipo e o xogo limpo”. 

Con propósito de promover esas ideas precisamente, Juega limpio elaborouse coa  finalidade de “ser unha ferramenta que poñemos á disposición do profesorado e dos técnicos deportivos para axudar á formación integral da nosa mocidade”, explicoiu Pimienta, nun acto que, como explicou Martínez Patiño, constitúe unha das “moitas actividades que imos ter a oportunidade de desenvolver” da man do Centro de Estudos Olímpicos, co que Martín del Burgo “comprometeuse a ternos como centro de referencia”, sinalou esta investigador do grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte GIES-10, que coordina a catedrática Margarita Pino. 

 

pojuega111

 

Máis información no DUVI