Facultade de Fisioterapia

Universidade e Federación Galega de Piragüismo estreitan vías de colaboración

Co propósito de abrir unha vía de colaboración en ámbitos como a investigación ou a organización de actividades, a Universidade de Vigo e a Federación Galega de Piragüismo (Fegapi) asinaron un convenio marco de colaboración que este venres foi presentado na sede da Vicerreitoría do campus.

Co propósito de abrir unha vía de colaboración en ámbitos como a investigación ou a organización de actividades, a Universidade de Vigo e a Federación Galega de Piragüismo (Fegapi) asinaron un convenio marco de colaboración que este venres foi presentado na sede da Vicerreitoría do campus. “Para nós este é un convenio moi importante”, salientou o vicerreitor, Jorge Soto, quen incidiu na vontade da institución académica de promover colaboracións coa federación en eidos como a investigación ou o fomento “da saúde e das boas prácticas deportivas”, que constitúen, lembrou, un dos eixos do proxecto Green Campus. “Para o avance do noso deporte, para avanzar na preparación cos deportistas, é fundamental contar con convenios coas universidades”, engadiu o presidente da Fegapi, Alfredo Bea, nun acto que contou tamén coa participación dos profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Iván Martínez e Pablo Tenreiro.

O desenvolvemento de proxectos de investigación, a organización de actividades académicas, o apoio a investigadores e estudantes ou o desenvolvemento de actividades de promoción da práctica do piragüismo entre a comunidade universitaria son algúns dos puntos nos que ambas institucións se comprometen a colaborar neste convenio marco, cunha duración de catro anos. Nese senso, Bea puxo de relevo o interese da federación por “xerar sinerxías” e impulsar “traballos conxuntos entre os universitarios e os nosos técnicos e deportistas” que permitan, por exemplo, “conseguir datos de porque somos un referente neste deporte e tamén melloras que nos permitan seguir avanzando”. Bea lembrou así mesmo que a Fegapi conta cun Centro de Tecnificación próximo ao campus, “no que temos hoxe a algúns dos mellores padexeiros do estado”, polo que esta colaboración podería facer de Vigo, engadiu, “unha universidade de referencia” para aqueles e aquelas deportistas que realicen estudos universitarios.

“Estamos na mesma liña e en todas aquelas cuestións que teñan que ver co piragüismo galego estaremos ao voso lado”, salientou Soto, quen explicou a Bea o proxecto da Vicerreitoría de instalar no campus dous embarcadoiros e un pañol para gardar embarcacións, co propósito de “promocionar o piragüismo na xente nova e por extensión na cidade de Pontevedra”.

 

Fonte: DUVI

 

pogal3