Facultade de Fisioterapia

Curso "A análise do movemento para a prescrición de exercicio físico para a saúde e o rendemento"

“Todas as actividades motrices, realizadas dunha maneira e nunha magnitude concreta, poden ser beneficiosas, pero se as realizamos doutro xeito ou nos pasamos poden ser prexudiciais”, salienta o adestrador, preparador físico e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Luis Casáis, un dos docentes do curso A análise do movemento para a prescrición de exercicio físico para a saúde e o rendemento, que busca pór en valor a importancia da análise do movemento como “un elemento central e transversal” na prescrición de exercicio físico. Dirixido polo catedrático Carlos Lago e inserido na programación de cursos de verán da Vicerreitoría do campus, preto de 50 alumnos e alumnas participan nunha actividade que busca “dar ferramentas para que os estudantes aprendan a analizar mellor calquera movemento, calquera xesto, sexa como senta unha persoa na súa empresa ou o tipo de execución que fai un futbolista”, explicou Lago.

De 30 horas de duración, o curso contou este martes na súa apertura coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen subliñou a importancia dunha actividade que “vén a cubrir moitos espazos que ata momento non foran estudados nun curso de extensión” e que corre a cargo dun “elenco de profesionais de probada reputación no mundo do deporte, a actividade física e o benestar”. Docentes que, engadiu Lago, contribuirán a que o curso que se desenvolve ata este xoves conte tanto cunha “xustificación teórica” sobre a análise do movemento e os seus protocolos de aplicación como cunha “orientación moi práctica” que achega “propostas de como prescribir exercicio a partires desa análise”. Trátase así mesmo, sinalou Lago, quen agradeceu o apoio da Vicerreitoría, dunha actividade que reúne a estudantes, egresados e profesionais e que dá continuidade a unha serie de cursos de verán dirixidos por este docente “que segundo as memorias da Universidade foron os cursos de extensión que contaron con máis estudantes”. 

 

Máis información no DUVI

 

pomovemento4