Despois de que a pandemia impedise levalo a cabo os últimos dous anos, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte volverá acoller, o vindeiro venres 18, o único hackatón dirixido a incorporar novos contidos ao Galizionario, a versión en galego do Wiktionary, un dicionario multilingüe de contido libre impulsado pola Fundación Wikimedia, o organismo promotor da Wikipedia. Aberto á participación da cidadanía e con inscrición gratuíta, o EMLex Wiktionary Hackfest insírese nas actividades dun mestrado europeo sobre lexicografía e levará aos e ás participantes a traballar ao longo da xornada na incorporación de novos contidos a este dicionario colaborativo, que conta a día de hoxe con máis de 75.000 entradas.
Este maratón contará coa participación do alumnado que cursa o mestrado Erasmus Mundus EMLex na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidade do Minho, como parte das actividades da súa materia sobre lexicografía colaborativa, que ten entre os seus docentes ao profesor da facultade pontevedresa Carlos Valcárcel, responsable do comité organizador deste evento. “Os proxectos colaborativos abertos precisan de actualización constante”, lembra este profesor, que incide en que se ben “isto é ben coñecido no caso da Wikipedia”, tamén é un labor necesario no caso dos dicionarios, non só pola súa necesidade de actualización, senón tamén polo feito de que “certas edicións, como a galega, precisan aínda de moito traballo para cubrir o vocabulario esencial”. Con ese obxectivo, o encontro busca reunir tanto aos futuros e futuras profesionais da lexicografía que se forman no mestrado, como a editores do Galizionario e usuarios e usuarias deste dicionario colaborativo.