Co obxectivo de pór en valor e dar visibilidade o traballo de investigadores e investigadoras de diferentes países, a Asociación Iberoamericana de Educación Acuática Especial e Hidroterapia (Aidea) impulsou uns “premios internacionais de recoñecemento a investigadores ilustres no campo das actividades acuáticas”, cos que, na súa primeira edición, decidiu recoñecer a traxectoria do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Roberto Barcala. Coordinador do grupo de investigación en Rendemento e Motricidade do Salvamento e Socorrismo (Remoss), Barcala foi un dos galardoados co premio Referente Aidea na área de seguridade acuática.
O fallo destes premios deuse a coñecer na noite deste martes no IV Congreso Internacional de Actividades Acuáticas de Monterrey, que se desenvolve nestes días na Universidad Autónoma de Nuevo León, en México. “Que alguén premie o esforzo que realizas en torno a algo que che apaixona, como é neste caso a prevención acuática, o salvamento e o socorrismo, sempre é unha satisfacción e un estímulo”, salienta Barcala, quen participaba por videoconferencia nun acto no que Aidea puxo en valor os preto de cen artigos en revistas científicas que publicou ao longo da súa traxectoria. “É certo que son moitas publicacións, pero en ningunha son o único autor”, lembrou Barcala, que fixo énfase na súa intervención en que “a construción da prevención é cuestión dun equipo de xente e somos moitas as persoas que traballamos neste ámbito”, á vez que destacou tamén o traballo desenvolvido neste eido polo profesor da Universidade da Coruña José Palacios, tamén galardoado na área de seguridade acuática.