“A disputa por unha sociedade máis igualitaria está nas aulas”. Con esta idea como punto de partida, a catedrática de Filosofía no ensino secundario Chis Oliveira e a politicóloga Cristina Retamozo puxeron o foco na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no papel das e os docentes na loita conta o sexismo e a discriminación por razóns de xénero. Fixérono nunha actividade promovida pola Comisión PEA-Unesco do centro con motivo da conmemoración, este martes, do Día Internacional da Nena, na que presentaron o seu novo libro La revolución feminista en las aulas (Catarata, 2022). Trátase, como explicaron, dunha adaptación en castelán da súa publicación anterior, Comando Igualdade, na que daban conta da experiencia levada a cabo as aulas do IES Alexandre Bóveda de Vigo, na que Oliveira foi docente e Retamozo alumna. Dirixido a achegar á mocidade un conxunto de recursos para abordar temas como a igualdade, as masculinidades ou o amor romántico, este libro fai balance, como lembrou neste acto a profesora Rexina Vega, do “proxecto colectivo” levado a cabo neste instituto vigués, no que os propios adolescentes xogan un papel activo na súa formación en feminismo. Un proxecto que, como lembrou Oliveira, ten como lema que “ou estamos pola solución ou seguimos a ser parte do problema”.
Nese senso, Rexina Vega incidiu en que esta actividade tiña como obxectivo achegar ao alumnado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria “instrumentos para traballar nas aulas”, a través dunha publicación na que presenta “as diferentes iniciativas” impulsadas no marco do Comando Igualdade. Nese senso, Vega puña o foco na importancia da educación nun ámbito no que “non podemos retroceder en ningún momento”, tras facer alusión ao episodio vivido nos últimos días nun colexio maior de Madrid.