Curso: A análise do movemento para a prescrición de exercicio físico para a saúde e o rendemento

“Todas as actividades motrices, realizadas dunha maneira e nunha magnitude concreta, poden ser beneficiosas, pero se as realizamos doutro xeito ou nos pasamos poden ser prexudiciais”, salienta o adestrador, preparador físico e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Luis Casáis, un dos docentes do curso A análise do movemento para a prescrición de exercicio físico para a saúde e o rendemento, que busca pór en valor a importancia da análise do movemento como “un elemento central e transversal” na prescrición de exercicio físico. Dirixido polo catedrático Carlos Lago e inserido na programación de cursos de verán da Vicerreitoría do campus, preto de 50 alumnos e alumnas participan nunha actividade que busca “dar ferramentas para que os estudantes aprendan a analizar mellor calquera movemento, calquera xesto, sexa como senta unha persoa na súa empresa ou o tipo de execución que fai un futbolista”, explicou Lago.

De 30 horas de duración, o curso contou este martes na súa apertura coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen subliñou a importancia dunha actividade que “vén a cubrir moitos espazos que ata momento non foran estudados nun curso de extensión” e que corre a cargo dun “elenco de profesionais de probada reputación no mundo do deporte, a actividade física e o benestar”. Docentes que, engadiu Lago, contribuirán a que o curso que se desenvolve ata este xoves conte tanto cunha “xustificación teórica” sobre a análise do movemento e os seus protocolos de aplicación como cunha “orientación moi práctica” que achega “propostas de como prescribir exercicio a partires desa análise”. Trátase así mesmo, sinalou Lago, quen agradeceu o apoio da Vicerreitoría, dunha actividade que reúne a estudantes, egresados e profesionais e que dá continuidade a unha serie de cursos de verán dirixidos por este docente “que segundo as memorias da Universidade foron os cursos de extensión que contaron con máis estudantes”.

Ler a noticia completa no DUVI