Ciencias da Educación e do Deporte inaugura o curso académico con tres exemplos de emprendemento 

Os impulsores de tres empresas de referencia no ámbito da actividade física e o deporte nacidas en Galicia serán na tarde deste martes os protagonistas do acto de apertura do curso académico na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Aberto a público, trátase dun coloquio que porá o foco nos “valores do emprendemento” e na pregunta de “que ten que facer o alumnado na universidade para ter máis probabilidades de ter unha boa traxectoria profesional fóra desta”, como destaca o decano, Óscar García. Para iso, esta actividade contará coa participación de Roberto Ramos, CEO do grupo de xestión de instalacións deportivas BeOne; Jesús Graña Gómez, director da empresa de venda de equipamento deportivo Jim Sports, e o presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, José Amado.

“Os tres relatores teñen moito que ver cunha forma de traballar e de facer tecido empresarial en Galicia”, salienta o decano dos protagonistas dun coloquio que, explica, non porá o foco na xestión de empresas do sector deportivo, senón nunha serie de “cuestións que poden ser extrapolables ao deporte e á educación”, como é aquilo que o alumnado “ten que buscar na Universidade e que logo vaille facer falta fóra”, explica. “Van falar de valores do emprendemento, de onde pór o foco canto terminas a túa titulación e de como hai que traballar moito para poder sacar adiante este tipo de empresas”, engade dunha actividade programada para as 17.30 horas e que poderá seguirse en directo a través de UVigo TV.

Ler a noticia completa no DUVI