Robótica educativa para levar as aulas os obxectivos da Axenda 2030

Achegar o alumnado ao potencial didáctico das novas tecnoloxías, iniciándoos na creación de recursos educativos facendo uso da programación, da robótica e do encerado dixital, é o obxectivo central do curso que nestas semanas leva a 30 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a desenvolver unha serie de proxectos centrados nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. A contaminación dos océanos, a sobreexplotación dos recursos pesqueiros, a deforestación ou o uso de enerxías renovables constitúen nese senso os eixos temáticos dunha serie de maquetas nas que as e os participantes neste curso integran robots ou xoguetes interactivos.

Inserido na programación de cursos de verán da Vicerreitoría do campus, Ensinar ciencias con programación e encerado dixital interactivo. Un achegamento ao pensamento computacional ten como obxectivo formar ao alumnado sobre “como integrar as TIC nas clases de ciencia de maneira transversal”, como explica María Lorenzo. Xunto á profesora María Álvarez Lires, Lorenzo é a responsable de impartir este taller dirixido polo profesor Uxío Pérez ao que asisten estudantes dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria e que busca pór de relevo que “a tecnoloxía é un aspecto transversal, que está presente nas nosas vidas e que tamén pode estalo no ámbito educativo”. Nese senso, o curso busca contribuír “á alfabetización científica” das alumnas e alumnos, á vez que a “promover o pensamento computacional, a ser persoas críticas e responsables ante o uso das novas tecnoloxías”.

Con ese obxectivo, 28 alumnas e dous alumnos formánse en programación, no manexo de diferentes recursos de robótica educativa como Lego We-Do ou os robots Sphero SRPR e Mouse e no uso do software do encerado dixital para o deseño de actividades. “A idea é que vexan as tecnoloxías como un medio, como recursos e ferramentas que podo utilizar para aprender”, salienta Lorenzo, que explica nese senso que o curso busca contribuír a que o estudantado “sexa capaz de producir os seus propios contidos educativos”.

Máis información no DUVI