O colectivo que conforma a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, composto por estudantes, persoal de administración e servizos, así coma polo profesorado, manifesta o seu compromiso coa calidade, a excelencia e a mellora continua do centro con relación aos seus programas formativos e dependencias, sen esquecer a súa función referencial dentro da sociedade actual. Porén, la asunción de todos estes propósitos require da formulación dunha planificación que nos permita afrontar con fortaleza e ilusión un futuro cheo de incertezas e nun contexto cambiante.
A elaboración deste Programa de Desenvolvemento Estratéxico foi liderada pola propia Facultade tal e como dita o procedemento DE01-05 “Programación e Desenvolvemento Estratéxico”. O Programa Estratéxico da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte toma como punto de partida o documento homónimo e marco da Universidade de Vigo (2021-2026). Así mesmo, fundaméntase no legado deixado polos equipos decanais, que, coa súa dedicación, empeño e liderado, asentaron as bases de inicio e impulsaron, con sumo esforzo, as seguintes etapas que situaron á institución no camiño da excelencia.
A pesar de que debemos seguir alcanzando novas metas desde os logros, tamén somos conscientes de que, actualmente, nos encontramos nun momento de inflexión, que ha de ser aproveitado para realizar un exercicio de reflexión para superar todas as debilidades que se puideran detectar ao longo deste tempo. Só desde a análise crítica seremos capaces de idear un futuro mellor para o noso centro educativo, desde a participación e colaboración de todos los membros da súa comunidade.