Interese académico, científico e profesional do título
As distintas actividades físicas e deportivas –a partir de agora manifestacións da motricidade– que forman parte da cultura das sociedades son o referente do campo profesional, científico e académico desta titulación.
O desenvolvemento do deporte e a popularización da práctica deportiva como fenómeno sociocultural están en consoancia co desenvolvemento e crecemento económico que ten lugar coa implantación do chamado Estado do benestar.
A complexidade deste sistema deportivo –adestramento deportivo, recreación físico-deportiva, actividade física e saúde, e educación física– require de formas específicas de organización e dirección que esixen unha profesionalización específica para producir éxito empresarial e satisfacción social. Por outro banda, o sistema educativo contempla a educación física como unha disciplina fundamental no desenvolvemento e perfeccionamento do ser humano.
Cabe destacar que a inserción laboral das persoas licenciadas en Ciencias da Actividade Física e o Deporte é unha das máis altas das carreiras universitarias do vixente catálogo de titulacións.
Estas novas realidades sociais son as que xustifican unha proposta de título de grao na que os contidos equilibran o coñecemento sobre o ensino da educación física, o adestramento deportivo, a actividade física para a saúde, a xestión e a recreación deportiva.
En 1966 o Consello de Europa destaca a importancia do deporte como elemento de promoción da educación permanente.
A Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local establece que os concellos desenvolverán os seus servizos deportivos. Neste contexto aparecen as áreas de xestión, saúde, ocio, adestramento e docencia que son recollidas neste título de grao.
A docencia da educación física no ensino secundaro obrigatorio debe ser impartida exclusivamente polos licenciados nesta materia (anteproxecto de Lei sobre ordenación do exercicio de determinadas profesións do deporte, 3 de xullo de 2007).
A Lei 3/2008, del 23 de abril, do exercicio das profesións do deporte (Comunidade Autónoma de Cataluña) establece as competencias do licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ou o correspondente grao. Na Comunidade Autónoma de Galicia, existe un decreto que establece que nas instalacións deportivas ten que prestar servizos unha persoa licenciada en Educación Física.
Por outro lado, os distintos informes confirman que o deporte nos vindeiros anos será un forte dinamizador e creador de emprego, e que a súa actividade debe ser regulada a través dun completo marco legal.
No actual catálogo de títulos existe a Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, impartido pola Universidade de Vigo, que se transformaría no título proposto. O mesmo título é impartido por outras vinteseis universidades españolas, das cales dezaoito son universidades públicas e oito universidades privadas.
No ano 2004 a ANECA publica o “Libro Blanco del Título de Grado en Ciencias de la Actividad Física y del Deporte”. Na súa elaboración participaron vintedous dos centros que impartían a Licenciatura en Ciencias da Actividade Física naquel momento existentes. A presente proposta de grao ten dito documento como principal referente, sobre todo con respecto á definición dos perfiles profesionais, obxectivos e competencias do grao.
No citado libro blanco tamén se inclúen estudos sobre referentes europeos aos que nos remitimos como aval desta proposta. Posteriormente o pleno da Conferencia Española de Institutos e Facultades de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, presenta o “Informe sobre la estructura y contenidos para el Título de Grado en Ciencias de la Actividad Física y del Deporte”, adaptado ao Real Decreto 1393/2007, de 29 de outubro, de ordenación dos ensinos universitarios oficiais. Este documento é o referente externo que avala e xustifica a adecuación da proposta de grao a criterios nacionais consensuados para títulos de grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. En base a este documento articulase a adecuación do libro blanco ao Real Decreto 1393/2007; a distribución de créditos ECTS e a estrutura de contidos para o título de grao.
Consultaronse os plans de estudo do Grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte aprobados polo Consello de Universidades antes da presentación do seguinte título de grao. Os dispoñibles procedían das seguintes universidades privadas españolas: Universidade Católica de Valencia; Universidade de Vic (Barcelona) e Universidade Europea de Madrid.
Solicitouse un informe tanto ao Ilustre Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia, como á Asociación Española de Ciencias do Deporte, sobre a pertinencia da proposta de Grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte.
Para o deseño educativo da proposta do plan de estudos tivose en conta “The project Tuning Educational Structures in Europe”, sobre todo no que respecta ao modelo Tuning –“TUNING MOTTO: Tuning of educational structures and programmes on the basis of diversity and autonomy”–.
Consultouse o Grao de Belas Artes da Universidade de Vigo para contrastar as cuestións formais e de formulación metodolóxica do grao.
Descrición dos procedementos de consulta internos e externos
Un membro do equipo decanal da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte participou activamente na elaboración do “Libro Blanco del Grado en Ciencias de la Actividad Física y el Deporte” como membro da Asemblea plenaria.
Durante ese proceso –xaneiro 2004 a marzo 2004– produciuse unha recollida de información entre o persoal docente, persoas graduadas, estudantado e profesionais para configurar o estudo da situación académica da titulación na universidade española e tamén o estudo do mercado laboral e das competencias profesionais da persoa titulada. Nesta mostra participou activamente a comunidade relacionada coa Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e o Deporte de Pontevedra.
Así mesmo programaronse desde o equipo decanal reunións informativas e de debate sobre o proceso de Bolonia en xeral e sobre o proceso en particular de elaboración do “Libro Blanco del Grado en Ciencias de la Actividad Física y del Deporte”. Nestas reunións participou a comunidade da Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e o Deporte.
A Xunta de Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, na súa reunión do 13 de marzo de 2008, aprobou por asentimento unánime o proceso de elaboración dos plans de estudos de grao das titulacións adscritas ao centro polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo. O proceso fundamentase no “Procedimiento para el diseño de la Oferta Formativa de la Facultad de Ciencias de la Educación y del Deporte” explicitado no Sistema de Garantía Interna de Calidade da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.