A Universidade de Vigo, de conformidade cos seus Estatutos, está obxectivamente orientada ao fomento e desenvolvemento da investigación científica, técnica, humanística e artística como fundamento da docencia, medio para o progreso da comunidade e soporte da transferencia social do coñecemento. Deste xeito, a investigación configúrase como un dereito e un deber do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, de acordo cos fins xerais da mesma e dentro dos límites establecidos polo ordenamento xurídico, entre os que destacan os derivados dos compromisos éticos asumidos pola comunidade científica, as normas deontolóxicas.
Por outra parte, a normativa contida en diferentes convocatorias de financiamento da investigación esixe que os proxectos que impliquen investigación en seres humanos, utilización dos seus datos persoais ou de mostras biolóxicas de orixe humano, experimentación animal ou emprego de axentes biolóxicos ou de organismos xenéticamente modificados, non só cumpran os requisitos establecidos en cada caso pola lexislación vixente, se non que conten tamén coa autorización expresa emitida pola Comisión de Ética do centro no que se vaia realizar a investigación.
Máis alá destas obrigas, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, como organismo público de investigación e docencia, é consciente da súa responsabilidade diante da sociedade e, en consecuencia, constituíu unha Comisión de Ética da Investigación, coa fin de proporcionar unha resposta áxil e efectiva ás necesidades actuais ou que no futuro poidan plantexarse respecto da investigación científica desenvolvida no seu ámbito, en orde á protección dos dereitos fundamentais das persoas, o benestar dos animais e o medio ambiente e ao respecto dos principios e compromisos bioéticos asumidos pola comunidade científica e polos Estatutos da universidade.
Regulamento da Comisión de Ética da Investigación (XF 11/03/2014)
Solicitude de avaliación de proxectos ante a comisión